TOMA DE MEDIDAS PARA COSER A CARA E O CORNO DUNHA PANTALLA

Reportaxe fotográfica


Colócase a cara da Pantalla sobre o rostro da persoa para que estea cómoda e vexa ben polos ollos da máscara.

Cando se está facendo unha Pantalla é fundamental axustar a máscara á persoa que a vai poñer. Temos que pensar que unha Pantalla é unha máscara moi dinámica: corre, salta, anícase, sufaldrea, baila, colle as persoas para metelas nas tascas…

A verdade é que unha Pantalla non para un intre na rúa. Ter a seguridade de facer todo isto sen que a máscara se mova, fala moi ben do artesán no que confiamos a elaboración da máscara.

Nesta reportaxe conto cuns amigos que levan anos facendo Pantallas e saben o que se traen entre mans.

O Gude e O Poly cando mozos estiveron man con man con Julio Villarino aprendendo os segredos de como se debe facer unha Pantalla. Tamén axudou O Pipo que fai Pantallas e que vive o mundo da máscara con paixón.

Foi un intre moi especial ver e escoitar como facían as medicións de axuste da cara e do corno. Este método é o tracidiconal e témolo visto nalgunhas máscaras antigas. Estas Pantallas vellas co paso do tempo foron perdendo a pintura e puidemos ver o papel de periódico coas marcas.

Colócase o corno para comezar a tomar medidas.

Unha vez marcado un lado da máscara, fanse as mesmas marcas do outro lado. O seguinte paso é coser cara e corno tomando como referencia as marcas laterais e a marca central.

Agradecementos

Son afortunado por ter a amizade de Gude, Poly e Pipo, tres persoas que gozan do Entroido de Xinzo, dos que aprendo día a día os secretos da Pantalla.

Scroll ao inicio