O ENTROIDO EN CONGOSTRO. RAIRIZ DE VEIGA. A LIMIA

Nos anos noventa do século pasado achegueime até Congostro para facer fotos dos moitos canastros que a aldea ten.

Atopeime co Carlos, veciño da localidade ao que coñecía por coincidir os fins de semana en Xinzo.

Comentoume que a mocidade da aldea acababa de constituir unha asociación, Asociación Cultural “A ESCOLA”,  para poñer en valor as tradicións e os saberes dos seus maiores.

Deixoume para fotocopiar un traballo que fixeran sobre o entroido que penso que ten moito interés e que vou a comentar nesta achega. 

No escrito comentan que o entroido de Congostro era moi participativo e que toda a xente da aldea axudaba a que a festa fose do agrado de todos. Dende as avoas preparando a comida típica do entroido até os nenos que como veremos participaban dabondo. 

O Entroido comezaba o domingo anterior ao Domingo de Entroido que é o Domingo Corredoiro, no que se celebraba a “Corrida do Galo”

O domingo pola mañá os mozos, pagando a escote, compraban un galo a algún veciño. Seguidamente poñían na cabeza un sombreiro feito de pólas e tamén poñían un mandil. Na man levaban unha vara de vimbio que como se verá é imprescindible para guiar a corrida do animal.

San Miquel

O galo soltábase en San Miguel, aldea próxima a Congostro. (En distancia un quilómetro escaso). Os mozos guiaban ao galo polas poulas e dábanlle “bambeazos” coa vara de vimbio até que chegaban a Congostro. A corrida continuaba polas rúas de Congostro e remataba no centro da aldea: a Aira da Moa.

Aira da Moa na actualidade

Os mozos descansaban uns intres e esperaban polos compañeiros que quedaran polo camiño. Cando se xuntaban todos continuaban co xogo da Corrida do Galo. 

Ao galo, que estaba máis morto que vivo, pendurábano polo pescozo dende a varanda dun balcón dalgunha casa da Aira da Moa. Eran xs nenxs xs que xogaban ao que todos coñecemos como A Pita Cega. Cos ollos tapados e un pau na man intentaba mallar no galo. Cando o neno perdía a orientación, baixaban o galo, que estaba atado a unha corda, e deixaban que o galo lle dera na cabeza para que adiviñase onde se atopaba.

Cando o galo morría entegábanllo ao mestre da aldea.

Dende a perspecitiva actual parece moi cruel, que o é, mas era moi normal que este xogo se fixese en moitas vilas e aldeas da Galiza e tamén na Península Ibérica. Onde figure na festividade do entroido o termo de corredoiro, case que habería unha corrida de galo. As sociededes mudan, as veces para mellor e outras pera peor, mas son cousas que pasaron.

Pola tarde os mozos, a “Mazallada”, facían baile ao son das gaitas que eles mesmo tocaban na Aira da Moa.

O entroido continuaba o Domingo de Entroido no que se festexaba O Testamento do Burro.

Era normal que durante o ano morrese algún burro na aldea, pensemos que eran uns animais moi útiles para as tarefas de campo, sobre todo como medio de transporte.

O testamento era preparado polxs mozxs e supervisado por unha persoa a quen se lle dera ben facer versos. Como noutros moitos lugares da Galiza, no testamento existe un dó pola morte do burro e un reparto das partes do burro entre os veciños que destacaron pola súa conducta, para ben ou para mal.

Cos versos preparados achegábanse á Aira da Moa un mozo ou unha moza a cabalo dun burro, que era o que lía o testamento. A cada lado do burro ían dous acompañantes que termaban do ramal do burro. Arredor deles xuntábase toda a xente da aldea. (No fondo do artigo transcribo o Testamento do 5 de febreiro de 1989. TESTAMENTO DO FAMOSO BURRO DO XAIME).

Continuaba a festa o Martes de Entroido. Neste día o protagonista era O Meco. Facíase O Meco, como en moitas outras localidades, enchedendo de palla unhas roupas vellas de home. O  Meco paseábase por toda a aldea. Mas o martes xs mozxs de Congrostro e de San Miguel intentan roubar O Meco para que pasase a noite na súa aldea. Esta relación entres Congostro e San Miguel mantíñase todo o entroido onde as comparsas ían dunha aldea a outra.

A máscara que a tradición mantíña en Congostro era a de FARGALLEIRO.  Era unha máscara para xs nenxs e basicamente o que facían era poñer roupa vella que houbese pola casa. Saían todos os días do entroido. Os veciños tamén facían máscaras coas medias vellas das mulleres. 

Fargalleiro ía de casa en casa e os veciñxs dábanlle ovos, chourizos, cartos, etc. Con todo o recadado polas dez ou once da mañá, ían a casa dalgún dxs rapacxs e facían unha tortilla que comían entre todos. Cos cartos compraban refrescos, galletas, etc.

E falando de comidas en Congostro tiñan comidas do entroido que xiraban ao redor do porco (Como en toda a Galiza).

A María. Comida do Domingo Corredoiro e é a tripa máis delgada e máis longa do intestino gordo do porco.

O Bandullo. Comida do Domingo de Entroido. Enchíase o estomago do porco con costelas e adobábase con pemento, auga, sal e cebola.  

A Cachucha. Comíase cocida con patacas.

As filloas. Sobremesa feita de leite, fariña, ovos, azucre e sangue de porco.

Transcribo o testamento como o escribiron xs veciñxos de Congostro:

TESTAMENTO DO FAMOSO BURRO DO XAIME

Atención pedimos pueblo

que nos sepan perdonar

que estas son as cousas

que nos trae o carnaval.

Como xa estades pensando

temos algo que contar,

ocurriulle unha desgracia

a un veciño do lugar.

No pueblo de Congostro

preto de Suliñar,

vive Jaime e máis Manuela

e non se poden consolar.

Os fillos dalle que dalle

os fillos sempre insistindo

que vendesen a facenda

e vivisen máis tranquilos.

Despois de moitos problemas

chegaron a conclusión

de vender as vacas, si

de vender o burro, non.

Era no mes de “Maio”

cando o suceso ocurría

Manuela iba aparellar o burro

e o burro xa non a vía.

O burro xa tiña os seus anos

Manuela ben o sabía

que cando se puña a cabalo

o burro “repris” non tiña.

Ela con moito mimo

o burro moito coidaba

axudoullo a sair adiante

cando Jaime non estaba.

Alá nos anos sesenta

Jaime foi pra Venezuela

e en San Miguel,

triste e sola quedou co Burro Manuela.

Manuela en San Miguel

aquelo non lle gustaba

pero o burro nacera alá

e pra riba sempre tiraba.

Os anos foron pasando

xa a familia emigraba

cada día máis traballo,

cada vez menos cebada.

A xente de San Miguel

cando pra baixo baixou

non te descuides do burro,

que aiquí nunca che orneou!

O burro como era vello,

iste mal sempre lle daba

de medrarlle moito as uñas

e hasta o rabo lle pelaba.

O burro chegou a ter

as uñas longas, moi longas

había que llas cortar

e porllas algo redondas.

Cortoullas José Antonio

na aira de Suliñar

e o burro tardou dous meses

en deixar de coxear.

A ferramenta era vella,

pois outra cousa son tiña,

un serrón sin crabuñar

un coitelo e unha lima.

E  non llas dera cortado

de non ser polo Cardón

que se presentou cos “tregueles”

pra crabuñar o serrón.

O Cardón quíxolle cortar

a uña do pé dereito

e o burro sen avisar

zascoulle un couce no peito.

O mundo foi adiantando

xa a emigración moito cambiou

foise olvidando o burro

polos coches de gas-oil.

Manuela por un asuntiño

un viaxiño iba ter

os fillos eiqui non viñan

non sabía que facer.

Manuela a Jaime

moitas veces lle decía

eu anque fora en burro

iba ver a Alberto a Suíza.

Jaime pra consolala

desta forma lle decía

como pensas levar o burro

tendo coches na familia!

Foron pasando os meses

e o burro ben os sentía

non me determinedes viaxes

que se me está acabando a vida.

Baixo Manuela cas polas

iba toda apurada

cando foi aparellar o burro

il xa non se levantaba.

Chamou Manuela a Regina

Francisca, por dios ven aiquí!

vaime alá onda a Revira

que veña correndo eiquí.

Cando chegou José

Jaime xa alí estaba

como imos facer co burro

pra que non se sepa nada?

Manuela chorando estaba

e como facemos con il?

repartímolo na familia

ou levámolo pra Samil.

Pra que nadie se enterara

votárono no tractor

e taparono cunha lona

pra desimular millor.

Deixa muller de chorar

non perdas o coñecemento

que se enteran os mozos

e fanllenos o testamento.

Esto non vale de nada

non o imos ocultar

enterouse Pepe Quico

e il o ha de falar.

Fainos boa falta

que Pepe o vaia publicar

traballando José Antonio

na prensa nacional.

Puxeronse con estas cousas

e o burro non o sacaban

e iban pasando as horas

e os veciños alí se xuntaban.

Jaime non choraba

pero caro lle costou

sempre andaba alá por dentro

prenda que dios me levou.

Francisca toda enoxada,

sacai o burro deiquí

que ven ise cheiro

e fiame moito mal  a mín.

Mama estese tranquila

non sea tan apurada

se o quere repartir

dígalle que nós, non queremos nada.

Con esto chegou Fernando

e Carmen xa alí estaba

que non se entere Rogelio

que o queredes deixar sin nada.

O Revira con disimulo

o mellor cacho levaba

pra lle dar a Raquel e a J.Antonio

pra ver si lle gustaba.

Manuela con eso da carne

bo ferexo ela tiña

hai que lle deixar algo ás nenas

e tamén a Florentina.

Entón contestoulle Jaime

imos chamar a Avelino

que il entende da carne

pois sempre foi o seu oficio.

Dixoselle enseguida a Rosa

tu non te achegues alí

que o reparten iles solos

e non te comprometan a ti.

Manuela dalí a un pouco

o sentido ela lle veu

que deixaba sin nada a Laura

que fora quen llo vendeu.

Chamou Pepe a Benita

con esa calma que ten

non lle dias esa carne as nenas

que eso non as mantén.

Preguntoulle Olguita a Conchita

non sei como o arreglar

pues non sei si esa carne

a Cristina le va a gustar.

Alí Josefa e Antonio

os modos non lle guataban

como non está Carlos

a nós non nos dan nada.

Manuela os seus compromisos

con Angelita ela tiña

anque solo sea o rabo

que llo regalen a Rosiña.

Cando Alberto chegou

Manuela a piel lle deu

ponlla nos asientos neno

que o burro xa nos morreu.

Abuela non te disgustes

porque o burro xa morreu

pra te pasear a ti

coche xa teño eu.

A historia deste burro

eiquí a imos rematar

non nos estendemos maís

non vos queremos cansar.

A ESCOLA pide axuda

e sepamos perdonar

que as cousas que estaban

olvidadas, queremolas renovar.

Agradecementos

O meu agradecemento a Carlos de Congostro por deixarme naquela altura esta información tan interesante.
Aos compoñentes da “Asociación A Escola” por rescatar do esquecemento os costumes dos seus maiores.

Scroll ao inicio