Feito por Manolo Ramos Cid “guardicionero” e albardeiro
No último tercio do século XX moitos dos cintos que levaron as Pantallas de Xinzo pendurando da cintura foron feitos por Manolo Ramos Cid. Manolo instalouse en Xinzo no ano 1969 e axiña comezou a facer os cintos para as Pantallas. O cinto levaba normalmente dúas fileiras de campás. Os clientes que encargaban o cinto especificaban o número de campás e as fileiras que querían que levara o cinto.

O CINTO
O normal eran dúas fileiras con campás de diferente tamaño. As grandes na fileira de arriba e as pequenas na fileira de abaixo. Moi raramente lle pedían unha fileira de axóuxeres. As campás sempre as foi mercar a Portugal, a Tourem, a tenda dun tendeiro que chamaban “O Vento”. Cando Manolo comezou a traballar en Xinzo recorda que para o cinto tamén lle pedían dúas ou tres chocas pequenas.
O cinto é de coiro natural de 1 metro de longo. Ten unha parte ancha que mide 63 cm. de longo e 6 cm. de ancho que é onde colgan as campás, e outra parte estreita de 37 cm. de longo e 4 cm de ancho que é onde están os buratos para amarrar na fibela.

O cinto ten dous pares de liñas paralelas que sirven como guía para colocar as campás e tamén decoran. Están colocadas na parte superior e na parte inferior do cinto. A liña de arriba está a 0,40 cm. do bordo e a liña paralela está a 1 cm. A distancia entre as parelelas de arriba e de abaixo é de 3,20 cm. As medidas das paraledas de abaixo son iguais as paralelas de arriba.
A parte estreita do cinto ten catro liñas que crean 3 espazos que miden 1 cm. cada un. No espazo do medio están os buratos para meter a punta da fibela. Ten 12 buratos que están separados entre os 2,10 cm. e os 2,70 cm.
Na fibela o coiro que dá a volta cara a parte de atras está amarrado con dous remaches de 0,70 cm. de diámetro e postos a 1,50 cm. un do outro. A punta da fibela mide 3,10 cm. de longo e 0,30 cm. de ancho. A parte do exterior fai un cadrado que en diagonal mide 9 cm. e como ten ondulacións de ancho mide entre 1 cm. e 1,30 cm.
O cinto ten 18 campás que se distribuen colocando 10 na parte superior e 8 na parte inferior. Como comentei máis arriba as liñas paraledas fan de guía para a colocación das campás. Na parte superior as campás están colocadas na liña paralela de abaixo. Na parte inferior as campás están colocadas na liña paralela de arriba.

COLOCACIÓN DAS CAMPÁS DA PARTE SUPERIOR.
As campás están amarradas cun aramio que pasa polo ollo da campá na parte superior e por dous buratos feitos no coiro. Na parte de atrás do cinto o aramio faise pasar polo burato dunha arandela de 1,50 cm. de diámetro e dóbrase para que quede en paralelo coa arandela. Con esta técnica evita que o aramio manque a persoa que leva o cinto.
Na fileira de arriba hai 10 campás das que oito son máis grandes e as dúas laterais son máis pequenas. As centrais miden de altas entre os 4 cm. e os os 4,20 cm. Son lixeiramente ovaladas polo que o diámetro varía entre os 4,50 cm. e os 5 cm.
A parte superior da campá mide de diámetro entre 2 cm. e 2,50 cm. Onde está o burato do enganche mide de alto 1,60 cm. e de ancho na base 1,20 cm.
As dúas campás laterais son iguais que as da parte inferior que a continuación vou describir. A separación de campá a campá é de 5,50 cm. máis ou menos.

COLOCACIÓN DAS CAMPÁS NA PARTE INFERIOR.
Na parte de abaixo hai 8 campás que son máis pequenas. De alto miden 3,20 cm. O diámetro da parte de abaixo é de 3,30 cm. O diámetro da parte de arriba é de 2 cm. Onde está o burato de enganche de alto mide 0,80 cm. e de ancho na base 1,40 cm.
A distancia entre as campás é de 5 cm. aproximadamente. Algunhas das campás teñen na parte inferior de un a tres círculos decorativos.
Marcas que deixan no coiro as campás, tanto na parte de arriba como na de abaixo.

A campá co badalo e o desgaste que provoca o uso no interior da campá.

Punta do cinturón onde concorren as liñas paralelas que forman un lindo deseño.


Identificación da propietaria do cinto na parte interior.
O cinto pesa 1.374 gr.

Fotografía feita por Justo Gude a Manolo Ramos Cid no seu taller.